Feria Medieval de Santiago de Compostela

MERCADOS E FESTAS

A Feira Medieval reforza a súa orientación histórica e pedagóxica na súa terceira edición

AmpliarRolda de presentación da Feira Medieval, celebrada no Teatro Principal.

28/05/2010 Os días 4, 5 e 6 de xuño, celebrarase nas rúas da Cidade Histórica a III Feira Medieval. Nesta ocasión, o evento pretende reforzar a súa singularidade cunha representación histórica da coroación de Alfonso Reimúndez como rei de Galicia. A cidade engalanarase para esta Feira, á que están convidados a participar activamente todos os cidadáns.




Esta III Feira Medieval foi presentada en rolda de prensa polos concelleiros de Mercados, Andrés Fariña; de Festas, Xosé Baqueiro; e de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, acompañados pola presidenta da Asociación de Veciños Compostela Vella, María Abelleira; polo director de Dítea Teatro, Alberto Álvarez, e por dous dos protagonistas da representación, Alfonso I de Aragón e Dona Urraca.

A Feira quere reforzar a súa dimensión "pedagóxica e histórica", indicou Andrés Fariña, co obxectivo de ir consolidando o evento máis alá do seu compoñente comercial. Tanto o concelleiro de Mercados como o de Festas insistiron tamén no seu carácter participativo e de dinamización do casco histórico. De aí que nesta ocasión se implicaran activamente os veciños deste ámbito e mesmo algúns establecementos hostaleiros, que elaborarán tapas e menús medievais para a ocasión.

O sábado 5 de xuño, ás 19:00 horas, partirá de San Domingos de Bonaval unha comitiva que recreará a coroación do neno Alfonso Reimúndez como rei de Galicia polo bispo Diego Gelmírez, o 17 de setembro de 1111. Con estes feitos históricos como motivo, o grupo de actores parará na praza da Inmaculada, na praza de Cervantes e no Toural para realizar varias representacións. Finalmente, recrearase a coroación na praza da Quíntana.

Máis de 50 actores e actrices darán vida a estas personaxes do século XII, pero a intención é que os cidadáns se sumen a este vistoso percorrido, e mellor aínda se o fan debidamente caracterizados. Para facilitar este labor e poder coordinar os vestiarios de época, a Asociación Compostela Vella pon a disposición de todos os veciños un teléfono: 662 438 264. Esta entidade tamén está a animar aos veciños do casco histórico a que engalanen os seus balcóns para esta Feira. O Concello facilitará adornos con este fin.

Máis alá deste singular e participativo espectáculo, ao longo dos tres días da Feira sucederanse diversas representacións medievais a cargo da empresa encargada da montaxe do mercado. Os diferentes postos distribuiranse por rúas e prazas, coa limitación de que neste Ano Santo non se poderán situar na Quintana. Durante os días 4, 5 e 6 de xuño repartiranse por: praza de Cervantes, rúa Acibechería, praza da Inmaculada, praza de San Martiño Pinario, rúa das Casas Reais, praza de Salvador Parga, rúa da Algalia de Arriba, Pescadería Vella, cantón do Toural, rúa das Orfas, rúa da Caldeirería, rúa do Preguntoiro, travesa de San Paio de Antealtares, praza de Feixó, Antealtares, rúa da Conga e rúa Nova.

 



Author: Mercados medievales en la RED